Thursday 25 de April de 2024

A AECC Ordes leva vendidas xa máis de 150 entradas para asistir á V Comida Baile Solidaria


Terá lugar o 18 de outubro no restaurante Barreiro e nela actuarán o grupo Ritmo galego e a cantante Tania Veiras. Comerciantes, entidades e empresas de transporte colaboran desinteresadamente

A AECC Ordes ten organizada para o próximo 18 de outubro (domingo), a V Comida Baile Solidaria. O lugar escollido para a ocasión é o restaurante Barreiro, na parroquia de Leira, ás 14.30 horas. As entradas para poder asistir xa están á venda tanto no mesmo restaurante como no bar Salón por 30 euros, dos cales 5 destínanse integramente para a investigación. Ata o de agora son máis de 150 as entradas vendidas, superando as expectativas formuladas nun principio. Ademais tamén haberá un servizo gratuíto de autobuses que sairá ás 14 horas da Alameda de Ordes, grazas á colaboración de Autos Álvarez.

Ata o de agora están confirmadas as actuacións do grupo local Ritmo galego, ademais da cantante Tania Veiras, que coa súa música e de xeito totalmente gratuíto queren contribuír na recadación de fondos e na concienciación social da problemática que causa esta enfermidade. No acto levarase a cabo o sorteo de agasallos doados polos comerciantes (nesta ocasión sobre todo perruquerías e ferraxerías), empresas e entidades, como é o caso de Macoga ou a S.D. Club Ordes por citar algunhas.

Unha vez máis o Concello de Ordes colabora coa celebración desta cita tan importante, que en cada edición congrega a un elevado número de comensais. Entre eles se atopan nomes ben coñecidos do eido cultural, empresarial, comercial, deportivo e social do mesmo municipio e doutras zonas próximas. Tanto o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, como Elena Vituno e Marcos Calvo, presidenta e psicólogo da asociación na zona da Coruña, tamén estarán presentes.